A Aula Local de Cooperación comeza con máis de 40 persoas inscritas

A Aula Local de Cooperación é o núcleo central do proxecto “#CooperaciónExpandida: A nosa cidade no S.XXI, a nosa cidade cos Dereitos Humanos” que se desenvolve na Coruña até finais de 2017 e que nace co obxectivo de xerar experiencia real nas políticas públicas de participación cidadá en cooperación internacional. Na primeira sesión, impartida polo profesor da USC Carlos Teijo abordouse a relación entre os sistemas de Cooperación Internacional e Dereitos Humanos.

A formación proporcionaralle ás 42 persoas e 11 asociacións participantes, ferramentas para interpretar o mundo do S.XXI así como para coñecer o sistema internacional de cooperación e a súa ramificación galega, para finalmente formular un microproxecto de cooperación deseñando un evento informativo sectorial a modo de traballo final de curso.

O curso desenvolverase ao longo de tres meses de duración, do 21 de setembro o 21 de decembro, na Normal (nas tardes dos xoves en horario de 19:30 a 21:30), por medio de aulas teóricas e prácticas facendo do curso un laboratorio colaborativo para implicarse coa cidade e o planeta, por medio dos seus traballos prácticos finais.

As horas teóricas complétanse coa participación das persoas inscritas nas Xornadas das Interdependencias (actividade aberta dentro do proxecto #CooperaciónExpandida), que se realizarán os martes de 20:00 a 22:00 entre o 10 de outubro e o 21 de novembro no salón de actos do Centro Cívico dos Mallos.

A Aula Local de Cooperación é unha oferta formativa en cooperación internacional e dereitos humanos desde o local, particularmente práctica e dirixida a toda a sociedade civil da Coruña e área metropolitana. O curso organízao o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional en colaboración co Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da Universidade da Coruña e o Concello da Coruña.