Remataron os Encontros Expandidos abertos á cidadanía

Nos catro Encontros Expandidos realizados coa colaboración dos Centros Cívicos da cidade, nos Mallos, 29 de agosto, San Diego 31 de agosto, Labañou 5 de setembro e Montealto 7 de setembro; aproveitouse tanto para realizar unha presentación xeral do proxecto Cooperación Expandida, como para abrir un diálogo directo coas persoas participantes arredor do seu papel na promoción dunha cultura de Dereitos Humanos desde o local.

Os Encontros Expandidos puxeron así sobre a mesa a necesidade de implicarse desde o local na resolución de problemáticas globais, como a pobreza ou a crise medioambiental; no contexto actual de crise de persoas migrantes e refuxiadas e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2015-2030 impulsados polas Nacións Unidas coma continuidade dos Obxectivos do Milenio (2000-2015).

Cada un dos Encontros prolongouse arredor dos 90 minutos de duración contando coa participaron de 44 cidadás e cidadáns, en grande parte en representación de entidades da sociedade civil da Coruña, desde asociacións da veciñanza a empresas ou colectivos informais.

O proxecto “Cooperación Expandida: A nosa cidade no S.XXI, a nosa cidade cos Dereitos Humanos” desenvólvese por primeira ocasión na cidade da Coruña ao longo deste 2017, froito da colaboración entre o Igadi e a Concellería de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña. O proxecto nace co obxectivo de abrir camiño nas políticas públicas de participación cidadá en Cooperación Internacional e na promoción dos Dereitos Humanos universais dende o local.