Comezan as Xornadas das Interdependencias: Conectando Coruña do local ao global

– Realizaranse durante sete semanas continuadas, todos os MARTES ás 20:00 no Centro Cívico dos Mallos, entre o 10 de OUTUBRO e o 21 de NOVEMBRO; contando con activistas e pensadores galegxs e internacionais.

– As temáticas das Xornadas queren preparar á cidadanía para a comprensión de fenómenos globais que evidencian as interdependencias do planeta e as súas sociedades no S.XXI: da crise financeira global ao cambio climático, pasando pola permanente crise migratoria e de persoas refuxiadas ou a fame e pobreza crónica.

A Coruña, 8 de outubro de 2017.

As Xornadas das Interdependencias arrancan o próximo martes 10 de outubro ás 20:00 no Centro Cívico dos Mallos baixo o título “Sistema mundo e cooperación internacional” coa participación de Arcadi Oliveres (presidente da Fundación Justicia i Pau, do Consello asesor de ATTAC e profesor de economía aplicada na Univerisdade Autónoma de Barcelona) María Reimóndez (especialista en cooperación internacional e feminismos, escritora e tradutora, gañadora do Premio Xerais en 2014) e Pablo Martínez Osés (especialista en cooperación internacional, foi coordinador da Campaña Pobreza Cero e da Plataforma 2015 y más).

As Xornadas das Interdependencias son abertas, gratuítas e parte do proxecto de participación cidadá en cooperación internacional “Cooperación Expandida: A nosa cidade no S.XXI, a nosa cidade cos Dereitos Humanos” promovido polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (www.igadi.gal) coa colaboración do Concello da Coruña ata finais deste 2017.

A Cooperación Expandida é unha experiencia colectiva para a cidade da Coruña no contexto da axenda internacional das Nacións Unidas 2015-2030 (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) e a crise de persoas migrantes e refuxiadas. Cal vai ser o teu papel?