Convócanse os Eventos Sectoriais de Cooperación Expandida: do 15 ao 20 de decembro.

Dende o 21 de setembro 40 cidadáns da Coruña participan na Aula Local de Cooperación, un curso de formación en cooperación internacional desde o local que se desenvolveu por medio de 20 horas teóricas e 20 horas prácticas. A natureza do curso foi aproximarse ao mundo desde a lóxica das interdependencias que conectan ao local co global e ao tempo vivir a experiencia de pensar e formular un microproxecto que conecte á cidade cos Dereitos Humanos desde o noso día a día.

Tras moito esforzo e implicación por parte das persoas participantes rematan o ano convocando entre o 15 e o 20 de decembro 4 Eventos Sectoriais, para presentar a axenda internacional das Nacións Unidas 2015-2030 (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), exemplos de cooperación internacional sectorial ( deportiva, social, cultural-educativa e empresarial) e finalmente a idea dos seus microproxectos, para o que contaron coa colaboración de Enxeñería sen Fronteiras.

Así as cousas, xa co aroma das festas do nadal, convocan para rematar a experiencia e a formación a toda a sociedade civil organizada da Coruña: clubs deportivos, tecido social e educativo, asociacións culturais, empresas… baixo a lóxica de que TODAS TEMOS UN PAPEL para outro mundo posible.

Nos Eventos ademais distribuiranse produtos de comercio local e xusto de entidades do tecido solidario da Coruña.

Achegádevos, haberá sorpresas!

EVENTOS SECTORIAIS DE COOPERACIÓN EXPANDIDA: Todas temos un papel!

– Cooperación Internacional DEPORTIVA e presentación do microproxecto: “Irmandamento deportivo A Coruña-Sáhara” –Centro Cívico Cidade Vella, VENRES 15 DE DECEMBRO ás 19:30

– Cooperación Internacional SOCIAL e presentación dos microproxectos: “Un día desde el otro lado” e “SIMBIOSE: Plataforma local de voluntariado”-Fundación Paideia, LUNS 18 DE DECEMBRO  ás 19:30

– Cooperación Internacional CULTURAL-EDUCATIVA e presentación do microproxecto: “DXENERADA: Laboratorio cidadá pola deconstrución de xénero”–Libraría Fiandón. Libros de Vello, MARTES 19 DE DECEMBRO  ás 19:00

– Cooperación Internacional ECONÓMICA-EMPRESARIAL e presentación do microproxecto: “Lóxica: O ecofeminismo na economía da Coruña” –Centro empresarial Accede PapagaioMÉRCORES 20 DE DECEMBRO  ás 19:30